Desarticulada unha banda que roubaba vivendas e locais na zona do Barbanza

A Garda Civil detén a catro mozos de entre 20 e 25 anos, veciños da localidade de Noia

A Garda Civil desarticulou unha banda que se dedicaba a roubar en vivendas, bares e establecementos comerciais da zona do Barbanza, e esclareceu catorce delitos cometidos presuntamente por estes delincuentes. O instituto armado informa este martes nun comunicado destes feitos polos que detivo a catro mozos de entre 20 e 25 anos, veciños da localidade de Noia, como autores de catorce delitos.

Deles, seis roubos de vivendas vacacionais cometéronse en Porto do Son, dous no lugar de Caveiro, outros dous nas Gaivotas e un roubo con forza nun bazar chinés, co que lograron un botín de 4.500 euros. Así mesmo, roubaron en tres bares de Noia e no campo de fútbol de San Lázaro, así como na veciña localidade de Outes, onde substraeron catro guitarras e equipamento musical valorado en 4.000 euros.

A investigación comezou a principios de marzo e durante as pescudas rexistráronse dous domicilios en Noia, onde se interviñeron máis de 200 obxectos entre teléfonos móbiles, tabletas, ordenadores, equipamentos de mergullo, equipos de música, ferramentas de uso doméstico e numerosos aveños, todos eles procedentes dos roubos mencionados.

Para perpetralos, desprazábanse nos seus propios vehículos e, tras asegurarse de que as vivendas estaban baleiras, accedían ás mesmas con "tal tranquilidade" que incluso comían e bebían mentres actuaban, detalla a Garda Civil.

O xulgado de instrución número 1 de Noia dirixiu a investigación e deixou aos detidos en liberdade con cargos, engade a mesma nota.

Comentarios