Desarticulado un punto de venda de droga na Guarda

As investigacións comezaron hai meses despois de ter sospeitas de que o detido vendía droga polo miúdo

Material incautado. EP
photo_camera Material incautado. EP

A Garda Civil desarticulou un importante punto de venda na Guarda e detivo a un home de 33 anos por un presunto delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.

As investigacións comezaron hai meses despois de ter sospeitas de que o detido vendía droga polo miúdo nunha vivenda da Guarda á que acudían asiduamente consumidores habituais da comarca.

O arresto produciuse este luns no marco dun operativo especial coordinado polo Posto da Garda Civil da Guarda no que interviñeron efectivos dos Postos de Tomiño e Tui para poder interceptar o vehículo no que circulaba esta persoa que fora detectada no Porriño por efectivos da Policía Local.

Ao inspeccionar o vehículo incautóuselle unha bolsa con medio centenar de doses de heroína, oito pastillas de metadona, outra bolsa cunha pequena cantidade de cocaína e 820 euros en efectivo.

O detido, que conta cun amplo historial de detencións por delitos contra o patrimonio, será posto a disposición do Xulgado de Instrución nº 1 de Tui.

Comentarios