Descuberto un octoxenario que circulaba sen carné pola AP-9

O home ía pola autoestrada á altura de Ferrol

A Garda Civil interceptou, na autoestrada AP-9, na comarca de Ferrol, a un condutor de 80 anos que circulaba tras perder o permiso de conducir e sobre o que pesaba unha orde de procura "e detención" por outro delito contra a seguridade viaria anterior.

O condutor, cuxa orde de detención fora emitida por un xulgado de Santiago de Compostela tras unha incomparecencia en relación ao citado delito, non foi detido debido ao seu delicado estado de saúde, aínda que un familiar comprometeuse a que comparecese en dependencias xudiciais, unha actuación validada polo xulgado de garda.

O Destacamento de Tráfico de Ferrol anunciou que formulará unha proposta para que o home sexa sometido a un recoñecemento médico extraordinario para comprobar "se mantén a aptitude psicofísica necesaria para a condución".

O condutor, segundo informou a Garda Civil, seguiría conducindo tras perder a vixencia do seu permiso de conducir por esgotar o crédito de puntos. Agora foi descuberto no dispositivo especial de Fin de Ano.