Cae o histórico capo Manuel Charlín por un alixo de dúas toneladas e media de cocaína

O seu fillo Melchor e outras 21 persoas, a maioría en Galicia, foron arrestadas

Agentes de la Policía Nacional, abandonan la vivienda de Manuel Charlín tras el registro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Manuel Charlín, á súa saída da prisión da Lama en 2010. ARQUIVO

Manuel Charlín Gama, o patriarca do clan dos Charlines, e o seu fillo Melchor Charlín Pomares foron detidos este mércores en Vilanova de Arousa no marco dunha macrooperación contra o narcotráfico na comunidade galega.

Polo momento, foron arrestadas 22 persoas, entre as que figuran coñecidos narcotraficantes como Jacinto Santos Viñas, localizado en Meis, ou José Andrés Bóveda Ozores, alias Charly, detido tras ser rexistrado o seu estaleiro no peirao de Tragove, en Cambados. Ademais, tamén foi detido un coñecido hostaleiro de Boiro.

Trátase dunha macrooperación contra unha organización dedicada á importación, o transporte e o alixo de drogas e os investigadores, segundo destacan as fontes, están a abordar todas esas frontes.

Segundo informa a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a detención de Charlín e o seu fillo está vinculada ao comiso dunha "importantísima cantidade de cocaína", que podería superar as dúas toneladas e media.

A droga foi apresada nunha operación de abordaxe a unha embarcación preto dos Azores. O xulgado de instrución número catro de Vigo dirixe a operación e decretou o segredo das actuacións.

As fontes da investigación consultadas por Efe indican que a organización foi capaz de fretar a embarcación para cargala de cocaína fronte ás costas suramericanas para posteriormente transportala ata onde ía ser descargada a outro barco do mesmo grupo.

REXISTROS. Ao longo desta xornada, a Policía Nacional realizou unha trintena de rexistros en Boiro, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, Marbella, Huelva e en Yuncos, Todelo.

CHARLÍN. En 2010 Manuel Charlín saíu en liberdade grazas á nova doutrina de refundición das penas. Un ano despois quedaba en liberdade con cargos tras ser acusado de abusar sexualmente dunha menor.

*(1) Manuel Charlín. ARQUIVO
(2) Un helicóptero sobrevoaba este mércores Vilanova. LUíS POLO