Deteñen a un home en Ferrol tras un atropelo mortal
O suxeito circulaba baixo os efectos do alcol
Un home foi detido este xoves en Ferrol tras atropelar co seu vehículo a outro home que perdeu a vida a consecuencia do suceso, segundo informaron fontes municipais.
O Concello ferrolán comunicou que o suceso se desencadeou este xoves na estrada de Castela, á altura do barrio de San Xoán de Filgueira.
Trátase dunha das vías neurálxicas do centro urbano da cidade, que a une co veciño municipio de Narón.
O consistorio asegurou que o condutor "foi detido; circulaba baixo os efectos do alcol".
Así mesmo, detallou que se están instruíndo as dilixencias correspondentes" por este incidente.
A Policía Local ferrolá, segundo o goberno local, non puido facilitar polo momento máis datos sobre o sinistro, ocorrido pouco antes das sete da tarde na citada vía.