En prisión tras ser detido acusado de estalar un artefacto en Santiago

Causou danos materiais no portal dun edificio situado na rúa San Lorenzo. Ao parecer, o individuo mantiña rifas desde facía uns anos coa vítima

A Policía Nacional detivo a un home de 49 anos acusado de colocar o pasado mes de decembro un artefacto explosivo no portal dunha vivenda da rúa San Lorenzo, en Santiago de Compostela.

Acúsaselle dun delito de danos, fabricación de artefacto explosivo e ameazas. En concreto, os feitos remóntanse ao pasado 28 de decembro, cando, sobre as 7.30 horas, produciuse unha pequena explosión no portal de dita vivenda. 

Ao lugar desprazáronse numerosos efectivos policiais, que confirmaron existencia de danos materiais no portal dun dos edificios. Na zona, atopáronse partes dun artefacto explosivo de fabricación caseira, cuxos compoñentes non chegaron a deflagrar na súa totalidade.

Desde un primeiro momento os investigadores descartaron o carácter terrorista da explosión e vinculárono a unha "motivación de carácter persoal". Por iso, a investigación centrouse nun individuo co que a vítima mantiña rifas desde facía uns anos.

A investigación culminou o pasado luns coa detención do presunto autor, ao que se lle interveu durante un rexistro no seu domicilio diverso material vinculado coa confección do artefacto explosivo.

O home, de 49 anos e ao que lle constan diversas detencións por feitos diferentes, foi posto a disposición do Xulgado de garda, que decretou o seu ingreso en prisión.

Comentarios