A Policía Nacional destapou en dezasete provincias de nove comunidades autónomas unha fraude á Seguridade Social que ascende a preto de 19 millóns de euros, nunha operación na que foron detidas 59 persoas, a maioría responsables de empresas pantallas que eludían o pago de débedas á Tesourería. Segundo informa a Dirección Xeral da Policía Nacional, na Operación Galatea dirixida contra a fraude á Tesourería Xeral da Seguridade Social os axentes practicaron actuacións en Alacante, Almería, Barcelona, Cáceres, Cádiz, Castelló, Xirona, Huesca, A Coruña, León, Lugo, Madrid, Sevilla, Toledo, Valencia, Valladolid e Zamora.
As investigacións comezaron a principios de 2018 tras recibir varias denuncias. Co fin de eludir o pago das cantidades debidas e frustrar as lexítimas aspiracións de cobro da Tesourería, creáronse armazóns empresariais con empresas debedoras e empresas pantalla ás que se lles repercutían os beneficios e o patrimonio.
Os 59 detidos resultaron ser principalmente os administradores de feito das empresas, pero tamén os seus homes de palla —algúns deles traballadores que figuraban en conivencia—, así como familiares dos primeiros. A todos eles imputóuselles delitos contra a Seguridade Social (fraude de cotizacións), frustración á execución, fraude á Seguridade Social (fraude de prestacións), falsidade documental, grupo criminal, contra o dereito dos traballadores e apropiación indebida.