Detido o porteiro do Zaragoza Álvaro Ratón por unha agresión sexual no Carballiño
O gardameta ourensán foi acusado de empuxar contra unhas escaleiras a unha muller por non querer bicalo
O porteiro do Zaragoza Álvaro Ratón, natural do Carballiño, foi acusado dunha suposta agresión sexual na localidade ourensá. Os feitos ocorreron o pasado 23 de xuño, segundo relatou a vítima na súa denuncia.
A muller explica que estaba na zona de copas do Carballiño a noite de San Xoán, cando o xogador intentou tocala e bicala de madrugada.
Entón, segundo o relato da vítima, ela resistiuse e o porteiro empuxouna contra unhas escaleiras. A muller empezou a berrar e varias persoas foron axudarlle, momento que aproveitou o porteiro para escapar.
Ratón foi detido o pasado 2 de xullo e foi posto en liberdade con cargos despois de declarar.
O Zaragoza emitiu este mércores pola mañá un comunicado no que pide "respecto" ao xogador e "á presunción de inocencia".