Detido Sito Miñanco nunha macrorredada simultánea en Alxeciras, Cambados e Madrid

Dos Geos resultaron heridos en un tiroteo en Collado Villalba ► También fue detenido el lugarteniente del cambadés

Sito
photo_camera Sito Miñanco, tras ser detenido en 2001. AEP

A Brigada Central de Estupafacientes desenvolve este luns a maior operación antidroga do século XXI. Os axentes, despregados en Galicia, Madrid e Andalucía traballan en 50 localizacións de forma simultánea para desmantelar unha gran organización criminal supostamente dirixida por Sito Miñanco, que foi arrestado en Alxeciras á primeira hora deste luns.

Os GEO, que colaboran cos membros dos grupos Greco no operativo, tiveron un enfrontamento armado con presuntos narcos en Collado Villalba (Madrid) no que se rexistraron feridos. En Galicia, a comarca do Salnés volve estar no ollo do furacán. A Policía rexistra nestes momentos a inmobiliaria San Sadurniño, vinculada ao capo cambadés. Miñanco foi detido mentres gozaba dun permiso de fin de semana, poucas semanas antes de cumprir a súa última condena.

Catro axentes resultaron feridos, polo menos un deles de bala nunha macrooperación que dirixe a xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela e na que tamén foi detida unha das fillas de Sito Miñanco en Cambados.


Entre as decenas de detidos (uns 40) no marco da operación destaca outro nome, David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña, unha mostra máis da envergadura da investigación. Pérez Lago foi arrestado á primeira hora na Laxe (Vilagarcía) na vivenda anexa á mansión de que mandou construír o seu padrasto e que foi poxada o verán pasado.

TIROTEO EN MADRID. Dous dos axentes feridos son membros do Grupo Especial de Operacións (GEO), un corpo da elite da Policía, que participaron na operación na localidade madrileña de Collado Villalba. Un deles foi ingresado no hospital Porta de Hierro, onde se lle interveu por unha ferida de bala nun ombreiro, aínda que a súa vida non corre perigo.

Ao parecer, o tiroteo produciuse nunha nave dun campo de tiro próxima a Alpedrete (Madrid) e tamén foi ferido nunha perna uno dos supostos narcos, aínda que o seu estado tampouco reviste gravidade. Nesa parte da operación, foron arrestadas cinco persoas, segundo as fontes da investigación consultadas por Efe. O outro axente do GEO ferido recibiría outro disparo pero, no seu caso, repeleuno o chaleco antibalas co que se protexía.


Sito Miñanco, de 62 anos e nado en Cambados, está en semiliberdade desde abril de 2015, cando obtivo este réxime penal no cárcere de Alxeciras. O narcotraficante galego está pendente dun xuízo por branqueo e a Fiscalía pide para el 16 anos de cárcere. 

Comentarios