Detidos 25 membros dunha organización dedicada ao contrabando de tabaco

Un axente da garda civil de costas. EUROPA PRESS
Os homes traían picadura de tabaco doutros países para elaborar cigarros nun laboratorio e vendelos no mercado negro

Un total de 25 homes foron detidos este xoves en Ourense como presuntos autores dos delitos de pertenza a organización criminal e contrabando de tabaco, informou a Garda Civil.

A operación, que serviu para desarticular a organización criminal, iniciouse o pasado mes de maio e concluíu hoxe coa detención destas 25 persoas, todas elas naturais de Romanía, Moldavia, Ucraína e Portugal.

O modus operandi da organizacion, segundo o instituto armado, consistía en traer picadura de tabaco doutros países por transporte terrestre para elaborar cigarros nun laboratorio e envasalos en paquetes para a súa venda no mercado negro.

Trátase dunha operación conxunta na que participaron a Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Ourense, a Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira de Ourense e o Greco da Policía Nacional de Galicia.

A operación continúa de momento aberta e as actuacións están baixo segredo de sumario.