Dous mozos detidos na Coruña por delitos de violencia machista 

Un dos arrestados opuxo unha gran resistencia no momento da detención e causou danos no coche policial

A Policía Local da Coruña informou da detención de dous homes, un de 32 anos e outro de 27, por senllos delitos de violencia machista, ocorridos na madrugada deste domingo na cidade, e a consecuencia dos cales foron trasladados a dependencias policiais. 

O primeiro dos feitos tivo lugar ás 4.40 horas da madrugada. Unha patrulla da Policía Local, a indicación do 092, trasladouse ata a Ronda de Outeiro, na zona de Agra do Orzán, ante a suposta agresión a unha muller por parte da súa parella. 

Segundo a información ofrecida polo Concello, a "muller presentaba diversas feridas na cara e brazos así como o pantalón roto". A vítima manifestou aos axentes que tivera unha discusión coa súa parella, e que este a rabuñou e propinoulle unha labazada, tirándoa ao chan, momento no que se lle rompeu o pantalón. Tras isto, a muller intentou chamar a un familiar pero non puido, debido a que o agresor lle quitou o teléfono móbil. 

O home foi localizado nas inmediacións e os axentes procederon á súa detención, aínda que ofreceu "gran resistencia e no traslado á Casa do Mar para o seu preceptivo exame médico, golpeou unha das portas do vehículo policial" e desencaixouna do marco. O suposto agresor portaba tres teléfonos móbiles, un deles da vítima. 

Os axentes ofreceron á moza a posibilidade de ser trasladada a un centro médico e presentar denuncia, pero se negou, ante o seu temor á reacción do suposto agresor. "Non denuncio, que me vai a facer a vida imposible. Vós non o coñecedes", asegurou. Ante isto, o home foi denunciado de oficio polos axentes por un delito de violencia de xénero, e outro delito de danos ao coche policial. 

O suposto agresor é un veciño da Coruña de 27 anos. Logo de ser detido, foi trasladado a dependencias policiais.

OUTRA AGRESIÓN. Por outra banda, ás 04.42 horas, unha patrulla da Policía Local achegouse a un domicilio da zona de Catro Camiños na Coruña, debido á chamada dunha muller, de 44 anos, que manifestou que o seu marido saíra durante a tarde para "tomar algo cuns amigos, chegou a casa de madrugada en estado ebrio" e comezou a romper elementos da vivenda. 

Ademais, segundo indica a información facilitada polo Concello, o home zarandeó á muller, chegando a cuspirlle e propinándolle varias labazadas. Engadiu, ademais, que "non era a primeira vez que pasaba isto". 

Por todo iso, os policías detiveron ao marido, un home de 32 anos, que estaba na vivenda, e denunciárono de oficio por un delito de violencia de xénero. O home foi trasladado a dependencias policiais, "quedando custodiado nos calabozos a disposición xudicial".