Seis detidos en Galicia por tenencia e tráfico de armas
A operación partiu do arresto fai máis dun ano da anarquista budentense Carmen
Seis persoas foron detidas nas últimas horas en Galicia nunha operación contra o tráfico de armas dirixida por un xulgado de Vigo. Dous dos arrestos efectuáronse en Pontevedra, outros tantos na Coruña, un en Vigo e outro en Ourense.
Ademais tamén se realizaron detencións noutros puntos de España, co que o número de arrestos elévase a unha vintena nunha operación aínda aberta e na que se practican diversos rexistros.
O xulgado de instrución número 4 da cidade olívica, co xuíz Juan Carlos Carballal á fronte, coordina a investigación, que partiu dos documentos incautados hai máis dun ano á anarquista Carmen Otero Martínez, veciña de Bueu, que entón foi arrestada por comprar armas por internet.
Esta muller xa fora condenada hai anos polo lanzamento de cócteles molotov contra o Club Financeiro de Vigo.
Nos rexistros efectuados este mércores incautáronse armas e tamén diversas cantidades de droga, segundo informa a Radio Galega.