A dirección de Vox 'desembarca' en Galicia: "Isto non é o feudo do PP"

O secretario nacional de Vox, Javier Ortega Smith, á súa chegada ao acto que protagonizou en Ourense. BRAIS LORENZO

Unhas 150 persoas arroupan o secretario nacional de Vox en Ourense. O acto estivo marcado polas protestas dun grupo de mozos que pediu a saída dos “fascistas” da cidade 
 

O secretario nacional de Vox, Javier Ortega Smith, afirmou este sábado en Ourense que Galicia “non é o feudo do Partido Popular" e advertiu de que a súa formación se presentará ás eleccións nesta comunidade coa aspiración de lograr uns bos resultados, do mesmo xeito que ocorreu en Andalucía.

Así o indicou nun acto celebrado na cidade de Ourense, onde criticou a “estraña batalla” que existe desde as institucións galegas e, en concreto por parte do PP, desde a época do expresidente da Xunta Manuel Fraga no uso do idioma, e considerou necesario que se recoñeza o "poder de falar español”.

“Cando vos digan que Galicia é o feudo do PP e que non hai nada que facer, recordade que Andalucía era tamén un casarío ata que chegou Vox”, proclamou o secretario nacional deste partido, que cualificou á formación que lidera Pablo Casado e a Cidadáns de meros “oportunistas”.

Vox, dixo, “vén a Galicia e a Ourense para pór unha España viva en pé e terminar cos tabús”, e reivindicou que a súa formación busca ser “a voz de moitos españois que non tiveron esa voz”.

Para Ortega Smith, Galicia segue sufrindo “algunha das peores consecuencias do modelo autonómico”, e aludiu a "cesións” habidas desde o Goberno galego en temas como a lingua.

O secretario nacional de Vox fixo estas afirmacións nun acto celebrado na capital ourensá, onde estivo apoiado por máis de 150 asistentes.

O acto estivo marcado polas protestas dun grupo de mozos que pediu a saída dos “fascistas” da cidade ao berro de Ourense “antifascista, Vox fóra” e “fóra fascistas da nosa cidade”.

Nunha rolda de prensa previa ao acto, Ortega advertiu sobre estes grupos “violentos” e “totalitarios”, e dixo: “Non imos aceptar insultos, ameazas ou presións”.