Dirixentes de Podemos piden que non se acepten as doazóns de Amancio Ortega á sanidade

Censuran que ese tipo de achegas van destinadas a unha causa concreta e que deben ser as institucións as que decidan onde se inviste o diñeiro

Amancio Ortega, en una foto en el año 2016. AEP
photo_camera Amancio Ortega. AEP

Varios dirixentes de Podemos criticaron que Amancio Ortega faga doazóns á sanidade pública en forma de equipos de diagnóstico e tratamento para loitar contra o cancro, e pediron que non se acepten. A candidata de Unidas Podemos á Comunidade de Madrid, Isa Serra, afirmou este domingo en Twitter que "a sanidade pública non pode aceptar doazóns de Amancio Ortega", xa que se debe financiar con impostos, "os mesmos que esquiva e elude Inditex. 600 millóns en tres anos".

Serra detallou que, segundo as súas estimacións, aforrouse 218 millóns en España, 76 en Francia, 57 en Italia, 25 en Alemaña, 22 en Reino Unido e 20 en Grecia. "As doazóns son unha decisión persoal, pero a sanidade é un dereito que debe garantirse todos os días. Que non pode depender da caridade, do humor ou a bondade coa que se levanten os multimillonarios", escribiu en Twitter, ratificando as declaracións realizadas anteriormente na Cadea Ser.

Nesta mesma liña, o secretario de Comunicación de Podemos, Juanma del Olmo, afirmou que "se abrimos a porta a que millonarios elixan onde invisten nos servizos públicos pódense xerar desigualdades graves". Na súa opinión, "son as institucións as que teñen que decidir onde vai o diñeiro, para garantir que os dereitos son iguais para todos". "Iso é democracia", apostilou en Twitter.

Neste sentido, preguntouse: "¿Que vos parece que sexa un millonario quen decida que enfermidades e que cidades deben ter mellores tratamentos e recursos?".

Pola súa banda, o secretario de Organización de Podemos, Pablo Echenique, indicou que Amancio Ortega se converteu este domingo nunha das tendencias en Twitter porque Isa Serra "explicou que a sanidade pública non debe sosterse mediante a caridade voluntaria que blanquea certas prácticas empresariais e lava a súa imaxe, senón mediante a eliminación obrigatoria de privilexios fiscais aos multimillonarios".

Serra afirma no seu fío de Twitter que estas doazóns de millonarios son finalistas, é dicir, están destinadas a unha causa concreta. "Non veñen precedidas dunha análise experta que estude onde se distribúen os recursos. Isto provoca desigualdades e enfermidades e pacientes de primeira e segunda clase", apostilou.

Comentarios