Doce pasaxeiros dun voo que chegou a Vigo desde Madrid, en illamento

Un avión despegando no aeroporto vigués de Peinador. RAFA FARIÑA
Só se adoptaron medidas cos viaxeiros que ían preto do contaxiado

Doce pasaxeiros que viaxaban nun avión que aterrou no aeroporto de Vigo o sábado procedente de Madrid están en illamento domiciliario despois de que un home que ía no voo dese positivo. 

Fontes do Sergas confirmaron a Europa Press a información que avanzou Galiciapress, quen cita a versión dun dos viaxeiros illados. Segundo o mesmo, o voo de Iberia Express viña cheo, aínda que só se ordenou o illamento dunha ducia de pasaxeiros, suponse que os que sentaron máis preto do contaxiado. 

O home que deu positivo, segundo as fontes sanitarias consultadas por Europa Press, non está hospitalizado, e estaría a centralizar o seguimento do caso a área de A Coruña. 

En canto a que non se realizaron PCR ás persoas illadas, o Sergas explicou que se aplica estritamente o protocolo sanitario previsto para estes casos. 

Así, a directriz é facer un control telefónico dos contactos estreitos e valorar, en función da clínica e se presentan síntomas ou non, a realización da proba.