O propietario dun bar de Ourense aparece morto con signos de violencia

Rúa Colón de Ourense. GOOGLE MAPS
Todo apunta a unha "morte non natural" aínda que "non se saben as causas"

O propietario dun bar da cidade de Ourense foi achado morto este mércores con presuntos signos de violencia no interior do seu establecemento, aínda que polo momento os investigadores descoñecen as causas.

Os feitos producíronse ao redor das nove da noite nun bar da rúa Colón, na cidade, e ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Nacional que acordoaron a zona.

Fontes da investigación indicaron que todo apunta a unha “morte non natural” aínda que “non se saben as causas”.

O xulgado de garda xa procedeu ao levantamento do cadáver.