O alcalde de Corcubión, absolto de vexar o electricista municipal

O socialista Francisco Javier Lema Fuentes, rexedor da localidade coruñesa, enmarca a denuncia en "unha persecución política municipal, non de partidos"

O alcalde da localidade coruñesa de Corcubión, o socialista Francisco Javier Lema Fuentes, foi absolto nun xuízo de faltas por ausencia de probas suficientes das supostas "vexacións" que lle atribuíu un empregado do Consistorio, un proceso que o rexedor enmarcou en "unha persecución política municipal, non de partidos".

Lema Fuentes explicou que a vista se resolveu con informes ao seu favor porque non se presentaron probas suficientes sobre as supostas vexacións ao electricista municipal, Juan Carlos S.C., ante o que o xuíz considerou que este proceso se iniciou por "móbiles espurios".

Tras coñecer a decisión do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Corcubión, o alcalde mostrou a súa satisfacción polo fallo pero tamén certa "pena" por estes casos que se suceden no Consistorio por parte deste traballador.

Aínda que non se presentará á reelección o vindeiro domingo porque cando comezou esta andaina o seu "percorrido político tenia principio e fin", aínda queda pendente a resolución sobre unha multa ao Consistorio de algo máis de 6.000 euros por "atentar contra a dignidade" deste traballador, que se podería sumar a unha anterior de 15.000 euros imposta tras unha denuncia do mesmo empregado.

Comentarios