Extinguido o incendio en Chandrexa de Queixa tras queimar dezaseis hectáreas

Brigadistas, durante a extinción dun incendio. BRAIS LORENZO

O lume comezou ás 22.30 horas deste martes

A Consellería do Medio Rural informou da extinción de incendio forestal declarado no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, na parroquia de Rabal, que queimou dezaseis hectáreas de monte raso. Segundo informou o departamento autonómico, o lume comezou este martes pola noite, ás 22.30 horas, quedou estabilizado ás catro e vinte da madrugada e sufocado ás 13.30 deste mércores.

No seu control participaron tres axentes, doce brigadas, nove motobombas e unha pa. Desde a Consellería do Medio Rural lembraron que segue a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 en caso de detectar algún incendio forestal.