O esterco, clave para ter as moscas baixo control

O catedrático de Zooloxía da UVigo, Salustiano Mato, que analizou a nube de insectos de Tomiño, sinala que pon os seus ovos no abono orgánico e chama a evitar deixalo estendido moito tempo sen labrar 
G
photo_camera Vivienda afectada por las moscas en Narón. EUROPA PRESS

O catedrático de Zooloxía da UVigo e membro do grupo de expertos que analizaron a nube de moscas que atenaza a veciños de Tomiño, Salustiano Mato, apunta a que o cambio climático propicia "a tormenta perfecta" para que estes insectos proliferen.

"Hai unhas condicións de calor que fan posible que o seu ciclo reprodutivo se dea durante todo o ano", constatou o experto en declaracións á TVG nas que apuntou que estas concentracións adoitan darse en zonas húmidas, próximas aos ríos, e nas que hai actividade agrogandeira.

Respecto das posibles solucións a unha problemática que afecta a ata unha vintena de concellos, Mato estende a súa receita. Chama a non deixar o esterco estendido nas leiras "durante semanas", e máis se se atopa nas proximidades dun acuífero. Para estes molestos insectos, trátase dun imán no que pór os seus ovos. "Poden saír ata 100.000 moscas ao mesmo tempo nestas condicións de humidade, temperatura e de ausencia de depredadores insectívoros", avisa o catedrático.

¿Que hai que facer?

Mato recomenda "usar material compostado" e, na súa falta, "labrar e enterrar" o esterco "enseguida". Outra alternativa pode ser recorrer ás prácticas "dos nosos avós", deixando que o abono "fermente" nunha chea para logo repartilo, fresarlo e integralo na terra.