O exlíder do PSdeG Pachi Vázquez será xulgado a partir do luns por prevaricación

A fiscalía pídelle ao ex alcalde do Carballiño 10 anos de inhabilitación pola contratación irregular de 60 persoas nun xuízo con outros catro acusados 
Imaxe de archivo de Pachi Gónzalez. BRAIS LORENZO
photo_camera Imaxe de archivo de Pachi Gónzalez. BRAIS LORENZO

O que fora secretario xeral do PSdeG Manuel Pachi Vázquez será xulgado a partir deste luns, día 23 de novembro, por un delito de prevaricación continuada durante a súa etapa como alcalde do Carballiño, municipio que gobernou entre 1995 e 2005.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes xudiciais, o xuízo arrincará ás 10,15 horas no Xulgado do penal número dous de Ourense. A Fiscalía pídelle unha pena de 10 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación continuada por unha serie de 60 contratos a empregados públicos. Xunto a Pachi Vázquez sentarán no banco outro catro acodes que tiñan responsabilidades na corporación municipal neste período, entre eles Carlos Alberto Montes, quen sucedeu a Vázquez na alcaldía até 2011.

No seu escrito con data do 13 de decembro 2019 e ao que tivo acceso Europa Press, o ministerio público atribúe ao tamén fundador de Espazo Común e ao resto de acusados un delito continuado de prevaricación por subscribir durante o seu período de mandato "un gran número de contratacións de persoal laboral de duración determinada para o desempeño de labores de competencia municipal, respecto de 60 traballadores".

En concreto, estas eran destinadas á cobertura de postos de peóns e albaneis, conserxes, carpinteiros, electricistas, traballadores do servizo de limpeza, profesional de psicoloxía, monitor da oficina local de turismo, locutor-redactor e encargado de instalacións deportivas, auxiliares de axuda a domicilio e mesmo axentes da policía local, entre outros.

FALTABAN OS REQUISITOS BÁSICOS

"Os acusados procederon á contratación destas persoas con conciencia de que faltaban os requisitos básicos de toda contratación pública, como é a publicidade, para que calquera persona puidese acceder á mesma de acordo aos principios de mérito e de capacidade", indica a Fiscalía, que rebaixa lixeiramente a súa petición de penas para dúas dos restantes acusados a 9 anos de inhabilitación e 8 anos e 9 meses.

Así mesmo, sinala que todos os contratos foron celebrados a pesar de que os acusados "foron informados" por escrito e de forma verbal "do incumprimento" dos trámites "necesarios" para constatar o "cumprimento dos principios constitucionais que deben rexer os mesmos".

Na actualidade Pachi Vázquez continúa na política activa e é concelleiro no Carballiño por Espazo Común, formación que fundou após a súa saída do Partido Socialista de Galicia e coa que obtivo tres edís nas eleccións municipais celebradas en maio de 2019.

Comentarios