A experiencia nos hospitais de Burela ou Monforte puntuará extra nas oposicións

 Convocada a Ope con 354 prazas facultativas e 772 de enfermería na que Sanidade primará o traballo en prazas illadas
 

Oposicións do Sergas. AEP
photo_camera Oposicións do Sergas. AEP

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas polas que convoca as oposicións para 354 prazas en varias categorías de persoal sanitario de Atención Primaria e outras 772 de auxiliares de enfermería. Segundo informou a Consellería de Sanidade, en total convócanse 254 prazas para a categoría de médico de familia, 93 para pediatra e 7 para odontólogos de Atención Primaria, colectivos aos que se lles primará por primeira vez na historia cunha puntuación adicional de 0,5 puntos cada ano de traballo nos chamados postos de difícil cobertura: hospitais comarcais ou centros de saúde rurais.

Con esta medida, a Xunta pretende incentivar estes destinos que moitas veces son menos atractivos a nivel profesional, xa que na práctica o médico ten menos oportunidades de desenvolvemento. No caso de Lugo, serían por exemplo os hospitais de Burela e Monforte ou boa parte dos ambulatorios que non corresponden ás principais localidades ou cabeceiras municipais.

No resto de Galicia serían os centros hospitalarios menores de Cee, Ribeira, O Barco e O Salnés.

A medida enmárcase dentro da nova política do Sergas na súa reorganización da Atención Primaria e vai en consonancia con outras da Península, onde hai comunidades que incluso priman economicamente esas prazas de difícil cobertura do rural. Ademais do corpo de facultativos, o resto de prazas da Ope complétase con 772 técnicos en enfermería.

SOLICITUDES. As persoas interesadas en participar no proceso selectivo, explica o Sergas, deberán cubrir "unha única solicitude de participación", a través da Oficina Virtual do Profesional. O formulario estará dispoñible a partir de este martes e o prazo de inscrición é dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria, polo que terminará o 3 de xullo.

Comentarios