Falece José Luis Meilán Gil, figura da política galega

Entre outras cousas, foi reitor da Universidade da Coruña e deputado das Cortes

José Luis Meilán Gil. TWITTER
photo_camera José Luis Meilán Gil. TWITTER

O exreitor da Universidade da Coruña e exdeputado José Luis Meilán Gil (A Coruña, 1933), figura destacada da política e a cultura galegas faleceu este martes. Estudou Dereito nas Universidades de Santiago de Compostela, Zaragoza e Oviedo, na que se licenciou con premio extraordinario. Máis tarde, doctorouse pola Universidade de Madrid. Ampliou estudos na London School of Economics, Gran Bretaña, e na Universidade de Bonn, Alemaña.

Entre as súas moitas ocupacións en 1968 obtivo a cátedra de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, onde impartiu clases ata o seu nomeamento como reitor da Universidade da Coruña (1990). Compaxinou estas actividades coa política. En 1968 foi nomeado conselleiro nacional de Educación, e un ano despois chegou á Secretaría Xeral Técnica da Presidencia do Goberno, cargo no que cesou ao ser nomeado Carrero Blanco presidente do Goberno e posteriormente desempeñou outros cargos.

Pertenceu ás anteriores Cortes Españolas, na súa X Lexislatura, desde 1971, como representante familiar pola provincia da Coruña. Nelas foi membro das comisións de Leis Fundamentais, Presidencia de Goberno e Gobernación. 

Promotor do Partido Independente Galego, do que foi secretario xeral, foi candidato deste partido, integrado na coalición Unión de Centro Democratico (UCD) nas eleccións xerais do 15 de xuño de 1977 nas que foi elixido deputado do Congreso pola Coruña. O 28 de xullo do mesmo ano é elixido conselleiro do Reino. Un ano despois, en outubro de 1978, foi nomeado presidente do Banco de Crédito Agrícola, cargo no que cesou a finais de 1981. 

Nas eleccións lexislativas do 1 de marzo de 1979 foi reelixido deputado da UCD pola Coruña. No Congreso foi membro das comisións Constitucional e de Asuntos Exteriores. O 26 de abril do mesmo ano é nomeado secretario de Estado para o Desenvolvemento Constitucional. Así mesmo, foi membro do Consello Nacional de Educación. 

En outubro de 1981 foi levado ao comité de disciplina de UCD por absterse na votación do Proxecto de Lei Orgánica de Armonización do Proceso Autonómico (Loapa). En 1982 presentou a súa formación política, o Partido Galego Independente que fora fundado en 1976 e que, posteriormente, integrouse en UCD volvendo converterse en formación individual en 1982. 

Dedicado á docencia, en Santiago de Compostela, e ao exercicio libre da avogacía, en novembro de 1989 encargouse da defensa do Centro Democrático e Social (CDS), quen presentara ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un recurso contencioso electoral en defensa das impugnacións ao escurtinio e reconto de papeletas dos comicios xerais en Pontevedra. 

O 1 de agosto de 1990 tomou posesión como reitor da Universidade da Coruña, en substitución de José Antonio Portero Molina, cesado un día antes polo Consello de Goberno galego, quen o designou para o posto. Nun relatorio do Congreso de Espazos Rexionais na CE, celebrado en Santiago de Compostela en decembro de 1990, referiuse á necesidade de que haxa un verdadeiro fenómeno de autonomía en España "e non de descentralización como ata agora". 

Sobre esta mesma idea abundou en setembro de 1992 nunhas Xornadas da Escola Galega da Administración Pública, ao dicir que a expresión "administración única" servira como "revulsivo" para abrir o debate público sobre aspectos do estado autonómico "que é inevitable abordar", e que non existía un inconvinte constitucional para esta descentralización, senón que é un principio da Carta Magna "omitido polo lexislador e non realizado na práctica". 

Autor de numerosas publicacións, está en posesión da Medalla de Ouro de Galicia, das Grandes Cruces da Orde do Mérito Civil, de Afonso X o Sabio, do Mérito Agrícola e de Grande Oficial da Orde do Mérito da República italiana.

Comentarios