Falece Miguel Cortizo, exdeputado do PSdeG e exdelegado do Goberno en Galicia

Foi tamén embaixador en Misión Especial para a Coordinación das Relacións coas Comunidades Españolas en Iberoamérica

Miguel Cortizo. EP
photo_camera Miguel Cortizo. EP

O exdeputado socialista e exdelegado do Goberno en Galicia Miguel Cortizo (Santiago de Compostela, 1951) faleceu este martes pola noite tras varios meses de enfermidade, informaron fontes do PSdeG. Miguel Cortizo, cunha dilatada traxectoria política, foi tamén embaixador en Misión Especial para a Coordinación das Relacións coas Comunidades Españolas en Iberoamérica no primeiro goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. 

Doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, da que foi vicerreitor, Cortizo exerceu como asesor dos ministros de Educación da primeira etapa socialista José María Maravall e Javier Solana. Nas redes sociais varios dirixentes e compañeiros do PSdeG publicaron mensaxes de apoio e recordo. 

Entre eles, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, escribiu: "Día triste para as e os socialistas galleg@s polo falecemento do compañeiro Miguel Cortizo. Socialista de referencia, foi deputado, delegado do Goberno... Hoxe o PSdeG está de loito. Abrazo sentido para a familia". 

Tamén o portavoz parlamentario e presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, escribiu na rede social Twitter: "Un adeus emocionado a Miguel Cortizo, compañeiro na universidade e na vida política. Unha longa traxectoria de servizo público".

Comentarios