Un motorista faleceu este xoves de madrugada tras saírse da vía na Rúa Arquitecto Antonio Palacios, Vigo.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro mortal produciuse pasada a medianoite na zona de Castrelos e alí acudiron os bombeiros da cidade para a excarceración da vítima, que quedou atrapada tras encaixarse contra un muro. Ademais dos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, desprazouse un equipo do 061-Urxencias Sanitarias, que, pouco despois, confirmaban o falecemento do motorista.
Igualmente, os servizos de urxencias contaron co apoio da forza de seguridade local.
TOMIÑO. Ademais, preto das catro da madrugada, o 112 Galicia tivo coñecemento doutro accidente de tráfico no Baixo Miño, concretamente na recta de Forcadela, en Tomiño, onde dúas persoas resultaron feridas tras saírse da calzada o vehículo no que viaxaban. Para a atención dos feridos, desprazouse ao momento unha dotación do 061-Urxencias Sanitarias, así como unha patrulla da Garda Civil de Tráfico.