Feijóo pide a Hacienda un real decreto lei para que Galicia reciba os 700 millóns que reclama

Feijóo e Montero, este martes na Coruña. CABALAR (EFE)
O presidente da Xunta lamenta que "o único" que lle garante son 300 millóns, que Montero avanza como "a primeira medida" cando haxa Goberno ► Ambos compartiron acto este martes na Coruña

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou este martes a importancia de que a comunidade presente un orzamento para o ano 2020 e, para isto, díxolle en persoa á ministra de Facenda, María Jesús Montero, que é necesario que Galicia teña os 700 millóns que reclama ao Estado, un tema que subliñou que se podería "solucionar cun real decreto lei". "As débedas hai que pagalas", dixo. 

O popular asegurouno durante a presentación do Anuario 2019 do Foro Económico de Galicia, un acto na Coruña presidido por María Jesús Montero e no que participaron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente do Foro Económico de Galicia, Emilio Pérez Nieto, e o seu director, Santiago Lago.

Un dos temas centrais das intervencións da ministra e o presidente galego foi a débeda que reclama a Xunta, respecto da que Feijóo sinalou que Montero "sabe moi ben que se non hai un orzamento e se o orzamento se bloquea pola inestabilidade da política estatal é un dobre prexuízo para a comunidade autónoma", que subliñou que "non é responsable dese bloqueo".

Logo de tratar este asunto en privado, o titular do Executivo galego lamentou, en declaracións aos medios, que a ministra en funcións lle traslada que "o único que pode garantir son as entregas a conta", que son "algo máis de 300 millóns, pero non se compromete á anualidade do Iva" que "son 200 millóns de euros". A reclamación total complétase con outros 170 millóns de incentivo ás comunidades cumpridoras coas regras de estabilidade financeira. 

"Pedinlle á ministra que recapacite porque ese Iva é das comunidades autónomas, non é do Goberno central", aseverou o popular, e sentenciou que "os galegos non son responsables de que o Partido Socialista e Unidas Podemos non poidan formar Goberno".

Pola súa banda, María Jesús Montero apuntou que "a actualización das entregas a conta" non a poden facer "cun Goberno en funcións", co que chamou a unha abstención do PP para facilitar a investidura de Pedro Sánchez e resolver este aspecto. Así mesmo, a titular de Hacienda recordou que xa lograron "que a Avogacía do Estado permita a actualización das entregas sen orzamento", a primeira vez que se vai a facer en España.

Por iso, asegurou que, pola súa banda, "a primeira medida, en canto haxa un Goberno constituído será a actualización das entregas a conta", a poder ser "no mes de setembro ou no de outubro". No entanto, precisou que "a actualización do sistema de información do Iva non se pode efectuar ata que haxa presupostos".