Feijóo releva a Mato e Varela e separa as consellerías de Educación e Cultura

Alberto Núñez Feijóo.

Carmen Pomar, José González e Fabiola García entran no Goberno, do que saen os alcaldables da Coruña e Ferrol

Tal e como estaba previsto e no contexto da precampaña das municipais, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a esperada remodelación do Goberno galego para dar saída a José Manuel Rey (Política Social) e Beatriz Mato (Medio Ambiente), que serán candidatos do PP ás Alcaldías de Ferrol e A Coruña en maio do próximo ano. 

Esta remodelación, ademais, implica o desdobramento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a reasignación dalgunhas áreas a outras consellerías. 

Deste xeito, Román Rodríguez seguirá á fronte de Cultura, á que suma Turismo, mentres que a profesora da USC Carmen

 Pomar

será a nova conselleira de Educación, Ordenación Universitaria e Formación Profesional

.

A Xunta pasa a ter once consellerías: unha máis que ata agora e tres máis respecto das oito coas que arrincou a era Feijóo

A ata agora conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, farase cargo da carteira de Medio Ambiente e Territorio, que suma Vivenda ás competencias, mentres que o deputado por Ourense José González será o novo responsable de Medio Rural. 

Para substituír a José Manuel Rey, o presidente galego nomeu conselleira de Política Social a Fabiola García Martínez, ata agora directora xeneral de Maiores na mesma Consellería. Todos eles tomarán posesión este mércores ás 10 horas no Pazo de Raxoi. 

Só Rueda e Quintana seguen desde o primeiro 'gabinete Feijóo'
Con esta remodelación, a Xunta pasa a contar con once consellerías, unha máis que ata agora e tres máis respecto das oito coas que arrincou a etapa de Núñez Feijóo á fronte do Goberno autonómico en 2009. Coa saída de Beatriz Mato, tan só o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a responsable de Mar, Rosa Quintana, acompañan a Núñez Feijóo desde o primeiro gabinete. 

Pilar Farjas (Sanidade) e Marta Fernández Currás (Facenda) deixaron o Consello da Xunta para formar parte do segundo nivel do primeiro goberno de Mariano Rajoy, unha remodelación que o presidente aproveitou naquel momento (xaneiro de 2012) para unificar Cultura e Educación e Medio Rural e Mar, co discurso da crise.

á fronte de Sanidade entrou Rocío Mosquera, ata ese momento responsable do Sergas e Elena Muñoz, interventora da Xunta, fíxose cargo de Facenda.

De Cultura e Educación encargouse Jesús Vázquez, que era titular de Educación e supuxo a saída de Roberto Varela (posteriormente nomeado embaixador en Uruguai) e de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, ata ese momento titular de Mar, o que supuxo a saída de Samuel Juárez (que máis tarde foi nomeado delegado do Goberno). 

Tras as eleccións autonómicas de outubro de 2012, en decembro continuaron todos os conselleiros salvo Javier Guerra, Economía e Industria, e entrou no Goberno Francisco Conde, ata ese momento asesor económico do presidente. 

No verán de 2014, tras múltiples problemas de xestión e xudiciais no Concello de Santiago, Núñez Feijóo tirou do seu conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para tomar posesión como concelleiro e ser investido alcalde no ano que faltaba de mandato na capital galega, xa que pechaba a lista electoral en 2011.

Con esa saída, Beatriz Mato abandonou Traballo e Benestar para ser conselleira de Medio Ambiente e Territorio, mentres que Ethel Vázquez, ata ese momento directora xeneral, fíxose cargo de Infraestruturas e Vivenda. 

Francisco Conde, xa conselleiro de Economía e Industria incorporou Emprego ás súas competencias. Coa vista posta nas municipais de 2015, en febreiro dese ano Núñez Feijóo relevou a Elena Muñoz de Facenda para ser candidata en Vigo, o que supuxo a entrada de Valeriano Martínez, mentres que Jesús Vázquez abandonou Cultura, Educación e Orientación Universitaria para ser candidato en Ourense, unha carteira que ocupou o deputado Román Rodríguez. 

Tras o fracaso nas municipais de 2015, en outubro dese ano Núñez Feijóo fixo unha nova remodelación, co mantra de novas políticas e persoas. 

Dese modo volveu desdobrar Mar e Medio Rural, departamento este último no que deu entrada a Ángeles Vázquez, alcaldesa de Melide (A Coruña).

Tamén creou a Consellería de Política Social, para a que nomeou a José Manuel Rey, que perdera a Alcaldía de Ferrol e aproveitou para destituír en Sanidade a Rocío Mosquera, moi cuestionada pola súa xestión, unha área na que deu entrada a Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona. 

Con ese equipo Núñez Feijóo presentouse ás eleccións en setembro de 2016, cando conseguiu renovar a maioría absoluta por terceira vez, un equipo que mantivo ata hoxe e do que ata hai escasos días dicía que se por el fose non modificaría.