A Festa do Queixo de Arzúa reúne máis de 30.000 persoas na súa exitosa 45ª edición
Un produto da delicadeza, o sabor e a textura do queixo da denominación de orixe Arzúa-Ulloa merece un evento de promoción á altura das súas características. En Arzúa levan 45 anos intentándoo e foi nesta última edición, clausurada este domingo, cando se pode dicir que este proceso de maduración alcanzou a excelencia.
Primeiro bateuse o marca de participación de postos de venda. Un total de 78, que deixaron o recinto feiral sen un metro cadrado máis dispoñible.
O pregón de Benedicta Sánchez, que o sábado tamén inaugurou o primeiro paso de vaca da localidade, foi outro dos momentos álxidos da festa e durante a xornada deste domingo, a actriz de O que arde aínda estaba dalgún modo presente no ambiente que se respiraba no recinto feiral.
Despois, as máis de 30.000 persoas que, segundo a organización, pasaron este ano pola feira tamén converteron esta edición nunha das máis concorridas que se recordan. Paralelamente, as vendas brillaron a un excelente nivel e, de feito, durante as dúas xornadas do evento moitas das queixerías presentes na mostra víronse obrigadas a repoñer xénero tras esgotar o que inicialmente previran.
A todo iso hai que engadir, ademais, unha serie de actos paralelos ao propio mercado, que fixo que Arzúa vivise unha auténtica festa, iso si, co queixo da Ulloa sempre como protagonista.
Na xornada deste domingo, Luar na Lubre (na foto, o concerto) tamén logrou encher co seu espectáculo a carpa, antes de ceder a testemuña a Baiuca, que puxo o broche final ás actuacións deste ano.