As fortes choivas causan inundacións na Coruña e Pontevedra

Os concellos que rexistraron mais incidencias, cinco cada un, foron A Pobra do Caramiñal, Boiro e Ribeira

Protección Civil de Vilagarcía de Arousa auxilió a tres vehículos en la Avenida Rosalía de Castro. @pcvilagarcia
photo_camera Protección Civil de Vilagarcía de Arousa auxiliou a tres vehículos na Avenida Rosalía de Castro. @pcvilagarcia

Os servizos de urxencias atenderon durante a madrugada preto de 50 incidencias relacionadas coas choivas caídas na comunidade e que mantiveron activo ata primeira hora deste xoves o aviso de nivel amarelo nas provincias de Pontevedra e A Coruña.

A provincia da Coruña foi a que concentrou o maior número de incidencias relacionadas coa meteoroloxía, un total de 25, das que 12 foron retirada de obstáculos que entorpecían a circulación, como árbores, ramas, cables ou postes de iluminación caídos nas estradas.  Ademais, os servizos de urxencias atenderon na Coruña 13 incidencias relacionadas con inundacións en vivendas, rúas e bolsas de auga en estradas. Os concellos que rexistraron mais incidencias, cinco cada un, foron A Pobra do Caramiñal, Boiro e Ribeira.

Por outro lado, na provincia pontevedresa rexistráronse un total de 22 avisos, das que 16 foron caída de árbores, ramas ou outros obstáculos e 12 inundacións ou bolsas de auga.

Unha das comarcas máis afectadas foi a do Salnés na que a circulación se viu interrompida pola gran acumulación de auga nas estradas como foi o caso de Avenida de Rosalía de Castro en Vilagarcía de Arousa na que ao redor das 5.30 horas da madrugada Protección Civil tivo que auxiliar a tres vehículos.

As choivas axudaron aos efectivos de Urxencias a extinguir os diversos incendios que se iniciaron de forma simultánea na comarca a pasada tarde. Os focos rexistráronse en Ribadumia, Corbillón, San Bartolomé e Lobeira.

Doutra banda, Moaña, no Morrazo, tamén foi un dos municipios máis castigados polas precipitacións, ao anotar tres incidencias.

Segundo informou o Centro Integral de Atención a Urxencias 112-Galicia, a maior parte das incidencias foron provocadas pola caída de árbores e ramas e, por fortuna, non hai que lamentar persoas feridas. 

Comentarios