A fragata norueguesa construída por Navantia afundiuse tras un "erro humano"

As conclusións españolas reafirman un exceso de velocidade no buque

Estaleiros de Navantia, en Ferrol. OTTO
photo_camera Estaleiros de Navantia, en Ferrol. OTTO

Un informe elaborado pola Armada conclúe que o accidente da fragata norueguesa Helge Ingstad (F-313), que chocou cun petroleiro o 8 de novembro e acabou afundíndose, foi causado por un "erro humano". 

Así o indica a información publicada este domingo no diario ABC, recollida por Europa Press, en referencia a un documento que subliñaría que "existen probas claras de que o dano inicial estendeuse a catro compartimentos estancos e indicios de que puideron ser cinco os realmente danados na colisión, o que excede os criterios de supervivencia do deseño do buque". 

A comisión norueguesa que investigaba o accidente apuntaba cara á responsabilidade de Navantia no afundimento da fragata debido a un suposto problema coa impermeabilidad do buque. A fragata, a cuarta das cinco construídas polo estaleiro español para Noruega, está valorada nuns 275 millóns de euros e foi entregada en 2009. 

"As conclusións españolas reafirman un exceso de velocidade no buque noruegués"

A información de ABC explica que o "informe interno de oito páxinas da Armada Española" destaca que "a extensión da avaría visible na fragata Helge Ingstad é do 15% da eslora na flotación (18,2 metros) que equivale a un escenario con tres compartimentos principais adxacentes alagados". 

A maiores, segundo as imaxes analizadas, "por baixo da liña de flotación a greta alcance un cuarto compartimento do buque" e, ante a presenza de combustible no mar, poderíase deteriorar outro quinto compartimento. 

Deste xeito, precísase que "o documento español apunta sen ambaxes ao erro humano", en cuestións referidas á vixilancia, a velocidade de seguridade, o risco de abordaxe e as manobras para evitalo, a navegación por canles angostas e a navegación de volta atopada. 

"As conclusións españolas reafirman un exceso de velocidade no buque noruegués", que no momento da colisión, navegaba a 17,4 "nós (32,2 km/h) e o petroleiro a 6,5 (12 km/h)", indica a citada publicación. 

Ademais, fai referencia a que segundo o documento sinalado o buque de guerra noruegués "non leva o AIS --sistema de identificación automático-- aceso, o cal non axudou á hora de ser identificado". 

Comentarios