Frank Cuesta grava en Galicia un programa sobre a caza do raposo

Frank Custa e o seu equipo, no cemiterio de Lariño, en Carnota. SENDA SOLIDARIA

O presentador deixouse ver por Muros e Carnota, onde este fin de semana se celebra o Campionato de España de Caza do Raposo

Frank Cuesta, coñecido tamén como Frank de la Jungla, atópase esta fin de semana en Galicia, onde grava un programa sobre a caza do raposo, coincidindo coa celebración do campionato de España que se disputa en Muros e Carnota.

O presentador de Wild Frank deixouse ver este sábado por Muros e Carnota, segundo confirma a organización Senda Solidaria.

O animalista podería participar este domingo nunha da concentración convocada na Coruña contra o Campionato de España de Caza do Raposo.

Baixo o lema "Nin trofeo, nin alimaña. Raposo vivo, non á caza", o colectivo antiespecista Free Fox convocou mobilizacións para "sensibilizar da crueldade desta práctica cinexética". 

Nun comunicado de prensa, o colectivo detallou que as concentracións terán lugar en Madrid, A Coruña, Alacante, Xixón, Barcelona, Valencia e Zaragoza, ás 12.00 da mañá, contra o campionato que se celebra en Galicia en xaneiro e febreiro. 

Free Fox denunciou que "nas últimas seis tempadas" abatéronse en Galicia "máis de 75.700 raposos", e que en 2018 "a Xunta financiou ao lobby cinexético con máis de 141.200 euros, dos cales 35.700 foron destinados en exclusiva a financiar este campionato". No entanto, o colectivo sinalou que "non é unha práctica exclusiva" de Galicia, e que no conxunto de España cázanse "uns 200.000 exemplares ao ano". 

INCUMPRIMENTO DE TRES LEIS AUTONÓMICAS. Por outra banda, a Asociación Animalista Libera! e a Fundación Franz Weber (FFW) emitiron un comunicado conxunto no que se sinala que nas matanzas de raposos que este sábado se celebran en Muros e Carnota incumpriríanse tres leis autonómicas". 

A primeira delas, A Lei de Urxencias de Galicia 2007, que, segundo os animalistas, recolle o dereito de ser "informados os riscos que poidan afectarlles e das consecuencias dos mesmos que sexan previsibles", unha circunstancia que, aseguraron, "non se deu en ningún dos dous municipios afectados, xa que a localización desta pseudocompetición non foi divulgado por canles oficiais". 

En segundo lugar, Libera e FFW denunciaron que se incumpriu a Lei de Caza no seu apartado sobre "competicións cinexéticas", porque "obriga a anunciar cada proba con antelación suficiente e co seu preceptivo programa". 

Para rematar, incumpriuse, segundo estas asociacións, a Lei do Deporte de Galicia, na que se obriga a dispor das "medidas necesarias para a seguridade e a prevención da violencia dos participantes e persoas espectadoras".