Galicia alcanza os 450 falecidos tras rexistrar oito vítimas este domingo

Supoñen a cifra diaria máis baixa de todo o mes de abril
Traslado de una paciente en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Traslado dunha paciente en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)

Dous novos falecementos rexistrados nas últimas horas en hospitais galegos elevaron a cifra de mortos con coronavirus en Galicia ata os 450. As 8 vítimas coñecidas ao longo deste domingo supoñen a cifra diaria máis baixa de todo o mes de abril. 

Segundo informan fontes da Consellería de Sanidade, os dous últimos falecidos que foran diagnosticados con covid-19 son un home de 79 anos que estaba ingresado en Povisa, en Vigo, e outro de 94 anos que permanecía no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Ambos contaban con patoloxías previas. 

Estas dúas persoas que morreron con coronavirus súmanse a outras catro das que deu conta Sanidade ao longo da xornada: dous homes de 67 e 79 anos que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), unha muller de 71 no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) e outra de 93 que permanecía no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi). 

Tras a última actualización, o número de mortes rexistradas en hospitais elévase a 352: 105 na área sanitaria da Coruña, 70 na área de Vigo, 67 na área sanitaria de Ourense, 52 mortes na área sanitaria de Santiago, 22 na área de Ferrol, 22 na área de Lugo e 14 na área sanitaria de Pontevedra.

FALECIDOS EN RESIDENCIAS. A estas 352 persoas que faleceron con coronavirus nos hospitais da comunidade súmanse outras 98 en residencias de anciáns. As dúas últimas, rexistradas este sábado pero notificadas este domingo, correspóndense con usuarios do centro Moledo de Vigo e de DomusVi Barreiro, na mesma cidade. 

Desde que empezou a pandemia, van 98 falecidos con coronavirus computados en xeriátricos.

CIFRA DIARIA MÁS BAIXA DE ABRIL. Cos oito falecidos con covid-19 coñecidos ao longo deste domingo —seis persoas en hospitais e outras dúas que morreron este sábado en centros de anciáns—, a xornada consolídase como a de mellor dato de abril, mes que chegou a contabilizar ata 27 vítimas diarias (o día 3). 

Así, habería que remontarse ao 27 de marzo para atopar unha cifra tan baixa de mortos da pandemia, en concreto sete. Con todo, hai que ter en conta que por aquel entón a Xunta aínda non informaba diariamente dos falecidos en residencias. 

Comentarios