Galicia vive este xoves outra xornada co ceo despexado, no que haberá como moito intervalos de nubes de tipo alto, e temperaturas en ascenso nalgúns puntos. A xornada ten todos os ingredientes dun día primaveral, incluído o tempo cambiante, porque pola noite a comunidade recibirá unha fronte fría que traerá nubes e choiva empezando polo noroeste. E a inestabilidade quedará nas seguintes xornadas.
A borrasca devolverá as precipitacións a unha comunidade que, atendendo ás previsións de Meteogalicia, empezará o xoves baixo a influencia das altas presións coa entrada de aire cálido desde o sur da Península. Así as cousas, as temperaturas mínimas moveranse nas principais cidades entre os 6 graos de Lugo e os 11 de Vigo. As máximas, entre tanto, alcanzarán os 29 en Ourense, mentres que roldarán os 21 na Coruña e Ferrol.
Ferrol 9° 21°
Lugo 6° 24°
Ourense 10° 29°
Pontevedra 10° 23°
Santiago 9° 23°
Vigo 11° 22°
A fronte fría seguirá marcando o tempo do venres en Galicia, que comezará a xornada con ceos cubertos e choivas máis probables nas provincias da Coruña e Lugo. Pola tarde, cando poderán abrirse claros, os chuvascos serán máis probables na metade este da comunidade. Con ese panorama, as temperaturas máximas experimentarán un notable descenso.
O sábado seguirá marcado pola inestabilidade atmosférica, para iniciar un fin de semana na que Meteogalicia prevé que se manteña unha alta probabilidade de precipitacións de carácter ocasional e temperaturas baixas para a época do ano. Todo apunta a que as cousas cambiarán a próxima semana.