Galicia entra este luns na fase 3 da desescalada, na que estas serán as principais novidades:
Vinte persoas e sen franxas
Coa fase 3 acábanse as franxas horarias para saír á rúa. E as reunións en espazos pechados ou ao aire libre amplíanse a grupos de ata 20 persoas.
Volta á oficina
Aínda que seguirá habendo teletraballo, a fase 3 implicará para moitos regresar á oficina, pero con distancia de seguridade.
Hostalería diúrna e nocturna
A fase 3 permite o consumo na terraza, no interior do local e agora tamén na barra, sempre coa premisa de manter a distancia de 2 metros entre clientes ou mesas e con grupos de non máis de 20 persoas. O aforamento sobe ao 75% en terrazas. Tamén poderán reabrir as discotecas e bares de lecer nocturno, aínda que con aforamento limitado ao 30% e sen posibilidade de usar a pista de baile. En hoteis e aloxamentos sobe o aforamento de zonas comúns ao 50%.
Máis aforamento no transporte
Desde este luns está permitido que se ocupen todas as prazas sentadas no transporte público en metro, autobús ou tren. Para aqueles que van de pé, un máximo de dúas persoas por metro cadrado. En coches particulares, dúas persoas por liña de asentos ou todos ocupados se conviven.
Mobilidade intracomunitaria
As comunidades en fase 3 que o desexen —Galicia si— poden autorizar os movementos libres en todo o seu territorio, pero non entre distintas autonomías.
Vodas, misas e enterros
Estas celebracións poderán reunir a máis xente na fase 3. As vodas, ata 150 asistentes ao aire libre e 75 en espazos pechados sempre que non se pase o 75% do aforamento legal do local. Os enterros e velorios terán unha asistencia máxima de 50 persoas ao aire libre e 25 dentro. E as igrexas poderán encher un 75% do seu aforamento para as misas.
Congresos e reunións
Os congresos, encontros, reunións de negocios ou conferencias están limitados a un máximo de 80 asistentes.
Comercio e mercados
Os comercios poden abrir cun 50% do aforamento e nos grandes centros comerciais reábrense as zonas comúns e recreativas. Tamén recuperarán aos poucos o pulso os mercados ao aire libre coa metade dos postos.
Máis oferta de lecer e cultura
Volven os touros con límite de aforamento nas prazas, así como os circos e outros espectáculos con carpa. Os cines, teatros e auditorios operarán con butacas preasignadas e á metade da súa capacidade máxima. Tamén volven as salas de concertos a un terzo do aforamento, mentres que os espectáculos ao aire libre poderán levar a cabo ante un máximo de 800 espectadores sempre que estean sentados. Tamén abrirán as súas portas zoos e acuarios e amplíanse as visitas a museos e exposicións. E flexibilízase o aforamento e as actividades en bibliotecas. Límite de 50 persoas en establecementos e locais de xogo.
Turismo activo
Abren os parques recreativos con menos de 800 persoas e poderanse realizar actividades de turismo activo e de natureza para grupos de ata 30 persoas.
Volven o fútbol e o ximnasio
Volve o fútbol e outros deportes con aforamento limitado ou directamente sen público. E poderase volver ao ximnasio sen usar os vestiarios e con límite de xente ao 33%.