Galicia mantense en once estrelas Michelin ao conseguila A Tafona

Lucía Freitas, a chef do restaurante compostelán, logra o astro con 36 anos

Lucía Freitas, en A Tafona. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Lucía Freitas, na Tafona. PEPE FERRÍN (AGN)

Elena Arzak dixo dela que era "loitadora e con moita personalidade". Unha visión sobre o futuro da galega Lucía Freitas, que se define a si mesma como cociñeira e pasteleira, que quedou ratificada este mércores ao ingresar no Olimpo da alta gastronomía da man da mítica ‘Guía Michelín'.

O seu restaurante A Tafona, en Santiago de Compostela, conseguiu a súa primeira estrela, ademais de ser a única nova incorporación de Galicia, que mantén deste xeito as once que ostentaba tras o peche de Alborada na Coruña o pasado verán.

"A estrela é unha forma de traballar; cada dío que abro o restaurante transmítolle ao meu equipo que é coma se a tivesen", confesaba nunha entrevista a Nicolás Carreira en El Progreso o pasado mes de xullo.

"Todo o que sae da Tafona é o máis próximo á perfección, sinto que teño a estrela", engadía esta moza, quen no entanto era consciente de que obter o ansiado astro supón "unha palmada nas costas, pero realmente a palmada tela que dar ti. Teste que ir a casa sabendo que deches o mellor de ti. Iso é a estrela Michelin".

Traballo, traballo e traballo foi un mantra durante os últimos anos para esta moza que practica cociña de vangarda. "Dinme que arrisco moito, e dáme igual. Cociño rico e xa está. Non busco rizar o rizo, busco facer o que di a miña cabeza e corazón".

Un aceno de identidade que require moitas horas de experimentación, que nalgúns casos pódese alargar ata un ano. "Antes do prato definitivo, hai tres polo medio. As ideas veñen e tes que estar na cociña para facelo".

Lucía Freitas, coa súa flamante estrela Michelin pola Tafona, incorpórase así a unha guía na que se manteñen Yayo Daporta (Cambados), Árbore da Veira (A Coruña), Culler de Pau (O Grove), As Garzas (Malpica), Nova (Ourense), Casa Solla e Pepe Vieira (Poio), Retiro da Costiña (Santa Comba), Casa Marcelo (Santiago) e Maruja Limón (Vigo).

É, ademais, unha das dúas chef galegas en posesión do prezado astro —Inés Abril comparte cociña co lucense Rafa Centeo no restaurante vigués—. "Fago cada día o que quero e con amor, non teño medo porque sei que os meus clientes queren o mesmo. Teño completa liberdade, faime feliz e por iso consigo pratos redondos", transmitiu con paixón e claridade de ideas Freitas.

Aos seus 36 anos, a cociñeira compostelá tamén foi unha das poucas chefs premiadas nesta nova edición da guía, que recoñeceu deste xeito a cociña con fondo "e alma" da restauradora, a cal practica con mimo en pleno corazón da capital galega.

Comentarios