Galicia perdeu case 7.000 habitantes en 2017

As sete principais cidades concentran o 64% da poboación

photo_camera Galicia continúa cun saldo vexetativo negativo. AEP

Galicia perdeu 6.980 habitantes en 2017, segundo as cifras poboacionais de referencia publicadas este venres polo Instituto Galego de Estatística (Ige) con datos do Ine. Deste xeito, a 1 de xaneiro de 2018 Galicia contaba con 2.703.149 habitantes. 

Por provincias, A Coruña e Pontevedra concentran o 76,3% da poboación, mentres que nas sete principais cidades reside o 64,01%, case dous de cada tres galegos.  Nas cidades, A Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Pontevedra gañaron poboación mentres que Ferrol e Vigo perderon habitantes en 2017. 

En termos absolutos A Coruña gañou 1.112 habitantes e pechou 2017 con 242.089 habitantes. Pola contra, Vigo, que continúa sendo a cidade máis poboada de Galicia, perdeu 1.889 habitantes en 2017, o que deixa a súa poboación en 286.029 habitantes a 1 de xaneiro de 2018. Ourense segue sendo a terceira cidade máis poboada con 103.188, oito habitantes máis durante 2017. En cuarto e quinto lugar, practicamente co mesmo número de habitantes, están Lugo, con 97.113 habitantes, 154 máis respecto ao ano anterior, e Santiago de Compostela, con 97.088 habitantes, unha ganancia de 372 habitantes durante 2017. 

Pontevedra, que sumou 278 habitantes en 2017, ata 81.148 sitúase en sexto lugar; e Ferrol, en sétimo lugar, continúa co seu declive poboacional ata os 66.180 habitantes, 719 menos que o ano anterior. 

NACEMENTOS. Ademais desta estatística, o Ige publicou este venres datos sobre nacementos, defuncións e matrimonios durante 2017, con data provisional do 31 de xullo de 2018.  Deste xeito, durante 2017 o saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e defuncións) de Galicia volveu ser negativo, con 13.364 persoas menos. 

En 2017 naceron en Galicia 18.132 persoas, co que continúa o descenso iniciado en 2009.  Ademais, durante 2017 morreron en Galicia 31.676 persoas.

Fai máis de 25 anos que Galicia non presenta máis nacementos que defuncións, recorda o Ige na súa nota. En 2017, de feito, unicamente 13 dos 313 municipios galegos tiveron un saldo vexetativo positivo; mentres que nas sete principais cidades o saldo vexetativo foi negativo. 

A estatística publicada, ademais, fai comparacións entre os anos 2007 e 2017 en canto a diferentes parámetros, entre eles a idade das nais. Destes datos pódese extraer que as galegas son nais cada vez con máis idade. Así, no ano 2007 as mulleres que tiveron un fillo entre 25 e 34 anos representaban o 62,38 por cento; mentres que dez anos despois, en 2017, este grupo de idade representaba o 47,54% case 15 puntos menos (-14,84 puntos). En cambio, as mulleres que foron nais entre os 35 e os 44 anos en 2007 representaban o 27,6% do total e dez anos despois, en 2017, supuñan o 45,23%, un crecemento de case 18 puntos (17,63 puntos). 

MATRIMONIOS. En canto aos matrimonios, en Galicia rexistráronse 8.855 matrimonios; a gran maioría, 8.710 entre persoas de diferente sexo e o resto entre persoas do mesmo sexo. Esta cifra supón un descenso do 5,59 por cento respecto de 2016. 

Ademais, no caso dos matrimonios entre persoas de diferente sexo, en 2107 en tres de cada catro casos a unión foi civil, mentres que dez anos antes apenas eran unha de cada cinco.