Galicia recadou 150.000 euros na poxa de bens mobles de narcos

A poxa máis alta ata a data foi por un coche da marca Porsche

Bienes incautados a narcotraficantes. DP
photo_camera Bens incautados a narcotraficantes. DP

O servizo de xestión, depósito e venda anticipada dos bens mobles incautados aos narcotraficantes de Galicia recadou, desde a súa posta en marcha en 2016, preto de 150.000 euros, a maioría mediante a poxa de vehículos.

A poxa máis alta ata a data foi por un coche da marca Porsche, polo que o seu comprador ofreceu 35.000 euros.

Estes datos transcenderon no acto de renovación do convenio de colaboración para a xestión destes bens incautados a narcotraficantes asinado este xoves polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro.

O convenio inclúe un acordo de colaboración económica de 15.000 euros e no mesmo tamén toma parte o Colexio de Procuradores da Coruña.

O servizo de xestión de bens comisados está pensado para axudar ás unidades xudiciais e forzas de seguridade a unhas tarefas alleas ao seu labor que ata a data se vían obrigadas a asumir, dedicando tempo e recursos.

A idea é mellorar a xestión destes bens e evitar a súa depreciación mediante a súa venda anticipada a nivel estatal a través da web www.subastasprocuradores.com, así como lanzar unha mensaxe exemplarizante e disuasoria fronte a organizacións criminais.

Os bens que xestiona son principalmente vehículos, embarcacións, equipos informáticos e de telecomunicacións, caracterizados pola súa rápida deterioración e perda de valor.

Comentarios