Galicia será a primeira comunidade de España en deixar atrás o estado de alarma

O Goberno confirma que pasará o luns da fase tres " nova normalidade" ► Madrid e Barcelona seguirán en fase dúas
Salvador Illa. EUROPA PRESS
photo_camera Salvador Illa. EUROPA PRESS

Galicia deixará de estar o luns en estado de alarma e entrará na "nova normalidade". Así o confirmou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, este venres, que destacou que Galicia foi das comunidades "máis beneficiadas" polo estado de alarma, que decretou o Goberno o 14 de marzo.

O ministro indicou durante a rolda de prensa para informar o avance de fases que Galicia solicitara o pase á nova normalidade e confirmou que entrará nela este luns, momento no cal se rexerá polo establecido no real decreto aprobado o pasado martes polo Consello de Ministros.

Segundo o borrador, na "nova normalidade" desaparecen as actuais restricións á mobilidade e seguirá sendo obrigatorio o uso de máscara cando non se poida manter a distancia interpersoal de seguridade, que pasa de 2 a 1,5 metros. 

FEIJÓO. De forma simultanea á comparecencia de Illa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informaba de que daba por concluída a fase tres de desescalada e que solicitaba formalmente ao Goberno pór fin ao estado de alarma a partir do próximo luns.

Nunha conferencia de prensa tras a reunión semanal do seu Executivo, Núñez Feijóo asegurou que Galicia cumpre todas as condicións para poder deixar sen efecto o estado de alarma e pór unha etapa de tres meses. 

Núñez Feijóo explicou que na primeira fase do que o Goberno denomina nova normalidade seguirán en vigor algunhas normas que serán publicadas este sábado no Diario Oficial de Galicia (DOG). 

LOSADA. O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, desexou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "acerte protexendo aos galegos" como autoridade delegada nestes momentos e trasladoulle a colaboración do Executivo do Estado pero avisou de que non se trata dunha "carreira". 

"Non é unha carreira a ver quen chega antes a acabar a terceira fase", manifestou este venres o delegado do Goberno na Xunta ao ser preguntado pola decisión de Asturias de non abrir a mobilidade con Galicia e antes de que transcendese que Galicia pasará o luns á nova normalidade. 

MADRID.  A maior parte do territorio español estará desde este luns na fase 3 do plan de desescalada co progreso a esta fase da Comunidade Valenciana, as áreas de Xirona e Catalunya Central; Ceuta; Albacete, Toledo e Cidade Real (Castela A Mancha); León, Zamora, Burgos, Palencia e Valladolid (Castela e León). 

O Ministerio de Sanidade aceptou as propostas de todas as comunidades que pediran avanzar á fase 3 e desde o 15 de xuño as únicas zonas que se manterán na 2 serán a comunidade de Madrid, as áreas de Barcelona e Lleida e as provincias de Soria, Ávila, Salamanca e Segovia.

Por outra banda, o conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid, Enrique Ruiz Escudero, avanzou este venres os plans do Goberno rexional de solicitar, o vindeiro luns, o pase á fase 3 o 22 de xuño. 

Comentarios