Galicia sofre o maior descenso dos nacementos de España e marca un novo mínimo

Os partos esborralláronse un 10% en 2018 na comunidade, a 16.550

Un parque gallego. AEP
photo_camera Un parque galego. AEP

A crise demográfica que sofre Galicia segue avanzando. Os datos publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estadística (Ine) revelan que os nacementos volveron reducirse na comunidade o ano pasado e que o fixeron máis que en calquera outra, porque a caída foi dun 10,3%. O resultado é a cifra máis baixa desde que hai rexistros estatísticos, que arrincan en 1975. Entón contáronse 43.850 nacementos; en 2018 tan só 16.550.

Con estes números tampouco estraña que Galicia presente o peor saldo vexetativo de toda España, o que mide a diferenza entre os partos e os falecementos, que foron 15.854 máis que os alumeamentos. Contabilizáronse en total 32.404, que son 442 máis que en 2017. A comunidade encadea así tres décadas sen un saldo vexetativo positivo. 

ESPERANZA DE VIDA. Con todo, a esperanza de vida continúa á alza en Galicia, posto que para os nados en 2018 sobe a 83,10 anos, fronte aos 83,07 de 2017. Con todo, hai diferenzas por sexos, xa que a de homes baixa a 80,13 anos (era de 80,15 anos en 2017), mentres que para as mulleres avanza ata 85,99 anos (desde os 85,90).

ESPAÑA. O balance do Ine tamén retrata a cifra de nacementos máis baixa de España en 20 anos, porque quedaron en 369.302. Son un 6% menos que en 2017, co que se acumula un descenso na última década dun 29%.

Izquierdo: "A xente ten fillos se o seu emprego non é precario, non pola macroeconomía" 
O catedrático de socioloxía da Universidade da Coruña Antonio Izquierdo asegura que "non sorprende" a "tendencia" descendente de nacementos en España porque o país se atopa nun "réxime de moi baixa fecundidade" e achácao á precariedade laboral, pois, aínda que melloran os indicadores macroeconómicos, precisa que os españois non teñen fillos en función da macroeconomía. 

"Non se está saíndo da crise. ¿Que é saír da crise? ¿Que a macroeconomía crece? Non, iso non é saír da crise. A xente non ten fillos pola macroeconomía. A xente ten fillos porque o seu emprego non sexa precario, non sexa temporal, teña seguridade nel e teña unha perspectiva dunha carreira laboral", explicou Antonio Izquierdo en declaracións a Europa Press, sobre os datos do Ine.

O demógrafo, ademais, destaca o feito de que un 20,6% dos nacementos en 2018 foron de nai estranxeira, pois se non fose por estes nenos o réxime de fecundidade sería "moito máis baixo". "Son un 10% e repercuten nun 20%", remarca.

Segundo o experto, tamén contribúe á baixa fecundidade o feito de que se atrase a idade para ter fillos. En concreto, segundo os datos do Ine, o número de nacementos de nais de 40 ou máis anos creceu un 63,1% nos últimos 10 anos.