A Garda Civil de Galicia, na nova tempada de 'Control de carreteras'

A cadea Dmax estrea este domingo a nova tempada do programa con escenarios en Rois, O Porriño e Vilalba

 A Garda Civil de Galicia protagonizará a nova tempada do programa Control de carreteras que a cadea Dmax estrea este domingo con escenarios en Rois, O Porriño e a contorna de Vilalba. O formato, producido por Crop TV, repite escenario coa comunidade galega, do mesmo xeito que Madrid e Andalucía, informa a Delegación do Goberno nun comunicado.

No programa, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Galicia serán os encargados de mostrar como é o seu día a día e como se enfrontan ás peculiaridades galegas á hora de garantir a seguridade viaria. Estas novas emisións inclúen casos gravados hai meses na comunidade, entre eles o rodado en Rois sobre unha intervención directamente vinculada ao Camiño de Santiago, onde unha patrulla dá o alto a un usuario dunha vía que circula con exceso de velocidade.

O ciclista, de nacionalidade francesa e sen saber falar español, non entende o motivo da parada, polo que o axente ten que apañarse para facerlle entender que o depósito de gasolina que instalou na súa bicicleta é ilegal. Os problemas multiplicaranse para o ciclista cando lle comunican que, por non ter domicilio en España, debe abonar a multa no momento e non leva a carteira encima.

Ademais, poderase ver unha intervención na A-8, nas inmediacións de Vilalba, motivada por unha mudanza con varias infraccións a primeira ollada e na que a Garda Civil descubrirá ao dar o alto ao vehículo a deficiente seguridade na que viaxan tanto os ocupantes da furgoneta como as perigosas condicións nas que o condutor pretende realizar a viaxe.

Na contorna do Porriño e tras un operativo destinado á vixilancia de infractores multirreincidentes, os axentes localizan a un condutor baixo os efectos do alcol e sen permiso de circulación por haberllo retirado previamente.

Comentarios