O Goberno incrementa un 9% as prazas MIR e a Xunta insiste en pedir máis

A ministra de Sanidade, María Luisa Carcedo. EFE

Almuiña reivindica que na próxima oferta MIR "Galicia poida presentar todas as prazas posibles para cubrir" as "deficiencias" 

 O Ministerio de Sanidade comprometeuse a incrementar nun 9% as prazas de formación especializada en 2020 (450 médicos e 301 enfermeiros) e advertiu ás comunidades que pediron unha convocatoria extraordinaria de que non adoptará "atallos" na formación de especialistas sanitarios. O déficit de profesionais, especialmente de médicos de familia e pediatras, é un dos asuntos que se debateu "ampla e exhaustivamente" no Consello Interterritorial de Saúde, segundo explicou en rolda de prensa a ministra de Sanidade, María Luisa Carcedo, que presidiu a reunión.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, esixiu unha solución ao Executivo central en referencia ao déficit de profesionais e pediu acreditacións de unidade docente. "Queremos que antes de xullo, que se fai a previsión para o próximo MIR, poder contar xa con esas acreditacións e incorporar a posibilidade de que eses médicos poidan facer esas especialidades", subliñou. 

Neste sentido, insistiu en que a prioridade "pasa pola acreditación" e "incrementar a posibilidade de formación de novas especialidades". En concreto, reiterou que para "potenciar a Atención Primaria" débese incrementar o número de especialistas. Por iso, volveu a reivindicar que na próxima oferta MIR, "Galicia poida presentar todas as prazas posibles para cubrir esas deficiencias" ao considerar insuficiente o aumento anunciado polo Goberno.

Un incremento que, segundo Carcedo, "non nolo sacamos da chistera", senón que é froito dun traballo bilateral con cada unha das comunidades coas que se analizou as solicitudes de acreditación de unidades docentes (lugares para a formación de especialistas).
"Non será suficiente pero é un esforzo moi importante e este é o camiño", insistiu a ministra, quen precisou que, ademais de unidades docentes, necesítase dotación económica, porque o sistema de formación de profesionais na sanidade pública conxuga "docencia e retribución".