Gómez-Reino empraza a Bescansa a "non romper a unidade" en Podemos Galicia

Confirmadas a candidatura do deputado de En Marea e a da compostelá, aínda podería aparecer unha terceira vía 'lucense'

Tone Gómez-Reino. AEP
photo_camera Tone Gómez-Reino. AEP

O deputado e aspirante a secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, emprazou este martes á deputada Carolina Bescansa a non romper a unidade do partido e considerou que "non é oportuno traer a Galicia vellos debates e vellos problemas que xa estaban selados".

En declaracións aos medios tras reunirse coa ministra de Política Territorial, Merixtell Batet, xunto a outros deputados de En Marea, Gómez-Reino sinalou que sería "contraproducente que alguén que hai 20 anos que non participa de absolutamente nada politicamente en Galicia, chegue agora e se presente desta forma".

Declaracións que coincidiron co anuncio de Bescansa de que se presentará tamén ás primarias para competir pola Secretaría Xeral da formación morada en Galicia, posto que se disputará con Gómez Reino.

O deputado de En Marea, considerado afín á dirección de Pablo Iglesias, deulle a Bescansa a "benvida a Galicia" e ofreceulle "sumarse" á candidatura que el encabezará, que segundo defendeu é a "a lista que recolle a maior parte de sensibilidades, co apoio da maioría dos cargos públicos e cargos orgánicos".

"Se é que Bescansa dá ese paso, chamámola a que non rompa a unidade", recalcou Gómez-Reino, e recordou que o seu sector leva "moitos anos traballando en Galicia, construíndo o espazo do cambio e traballando por un espazo de unidade e de encontro".

Busca integrar a sectores errejonistas e anticapitalistas
A candidatura de Antón-Gómez Reino para dirixir Podemos Galicia estableceu contactos cos sectores errejonistas e anticapitalistas do partido de cara á configuración dunha lista de unidade para presentarse conxuntamente ao proceso interno no que os inscritos do partido morado escollerán nova dirección. 

Segundo fontes consultadas por Europa Press, as negociacións aínda non están avanzadas e a aterraxe en Galicia da deputada de Unidos Podemos por Madrid Carolina Bescansa, xa confirmada, pode podería modificar o escenario.

Hai sectores errejonistas e anticapitalistas na comunidade galega que ven con bos ollos a creación dunha candidatura de unidade ao redor dunha lista encabezada por Gómez-Reino, próximo ao líder de Podemos, Pablo Iglesias; xa que entenden esta vía como necesaria para coser as feridas internas da formación. 

Ademais, inscritos de Podemos da cidade de Lugo traballan na creación doutra candidatura que, de confirmarse, converteríase nunha terceira vía en contraposición ás listas de Gómez-Reino e a oficialista.

Comentarios