Gómez-Reino presidirá a comisión de Traballo no Congreso

Antón Gómez-Reino. JUAN CARLOS HIDALGO
Podemos reparte coas súas confluencias seis presidencias que terá esta lexislatura

Podemos repartiu cos seus socios minoritarios do grupo confederal as seis presidencias de comisión que terá Unidas Podemos esta lexislatura no Congreso, e só unha delas recaerá nun dirixente do partido morado, o secretario xeral do grupo, Txema Guijarro. 

En concreto, a repartición premiou á confluencia catalá de En Comú Podem con dúas presidencias: a da Comisión de Ciencia, Innovación e Universidades, que será para o secretario primeiro da Mesa, Gerardo Pisarello; e a Comisión de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, para o deputado Joan Mena. 

Nesa Comisión de Ciencia e Universidades é onde deberá comparecer o ministro de Universidades, Manuel Castells, que chegou ao Goberno de coalición auspiciado precisamente por En Comú. 

Ademais, a deputada de EU Roser Mastro presidirá a Comisión de Cooperación internacional ao desenvolvemento, mentres que o portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, ocuparase da de Traballo, Seguridade Social e Migracións onde deberá comparecer como ministra a súa compañeira de filas Yolanda Díaz. 

Para rematar, o exdeputado de Equo Juantxo López de Uralde, cuxo nome circulou para ocupar algún posto no Goberno, será quen presida a comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que controlará á vicepresidenta Teresa Ribera.