Caballero, candidato do PSOE á Xunta

O secretario xeral poderá ser proclamado candidato á Presidencia o día 3 de novembro 

Gonzalo Caballero Míguez. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Gonzalo Caballero Míguez. PEPE FERRÍN (AGN)

O prazo para presentar candidaturas ás primarias que o PSdeG celebra para elixir o seu candidato á Presidencia da Xunta concluíu ás 19.00 horas deste martes co secretario xeral, Gonzalo Caballero, como único aspirante neste proceso interno. 

Deste xeito, o profesor universitario vigués queda proclamado único precandidato. Agora, ábrese o prazo para que proceda a recoller os avais necesarios que, segundo o regulamento do PSOE, serán dun mínimo dun 2% dos militantes –194 apoios– e dun máximo do dobre –388–. 

Gonzalo Caballero terá ata o día 29 de outubro para presentar os avais necesarios. A partir de aí, tras un período de verificación, proclamación provisional e presentación de recursos, poderá ser proclamado candidato o sábado 3 de novembro sen necesidade de que os militantes voten, ao non haber outra persoa que se postule para esta encomenda. 

O líder dos socialistas galegos asegurou o luns que, con este paso, busca conseguir un PSdeG "potente e con proxecto" para arrebatar o control político en Galicia ao Partido Popular e a Alberto Núñez Feijóo, como el mesmo destacou o luns na presentación da súa candidatura.

PROCESO "CON NORMALIDADE". Antes de pechar o prazo de candidaturas, preguntado respecto diso por Europa Press, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, limitouse a facer unha reflexión xeral sobre o proceso orgánico para subliñar que o seu desexo era que se produza con "normalidade e cordialidade". 

"Hoxe saberemos se hai máis candidatos; se non os hai, o proceso acaba aquí. Se os hai, terá que haber unha disputa real", manifestou Leiceaga. Finalmente, ningún outro dirixente á marxe de Gonzalo Caballero, deu o paso adiante.

Leiceaga desexa que o proceso orgánico que se produza con 'normalidade e cordialidade'

PRIMARIAS MUNICIPAIS. De forma paralela, os socialistas galegos continuarán con normalidade co calendario aprobado pola dirección do PSOE para a elección das cabezas de cartel ás eleccións municipais nos concellos de máis de 20.000 habitantes. 

En concreto, as votacións terán lugar o próximo 18 de novembro. Ademais, no caso de que ningún dos aspirantes logre a metade dos votos, haberá segunda volta o día 25.  No caso dos municipios de máis de 20.000 habitantes, o prazo para concorrer ao proceso estará aberto do 22 ao 25 de outubro, xornada na que se abrirá o período de recollida e presentación de avais. A campaña interna será do 9 ao 17 de novembro. 

Comentarios