Gwyneth Paltrow suxire regalar unha aldea de Riotorto, á venda por 149.550 euros
A actriz faise eco dun dos conxuntos rurais anunciados na web aldeasabandonadas.com
"Publicítanse moito en televisións estranxeiras, por iso pódeo saber a actriz", apunta Rodil, especulando por como puido chegar a coñecer Paltrow a existencia desta aldea do val do Eo "ideal para turismo rural". Na web na que se anuncia non dubidaron en aproveitar esta casual publicidade e colgar un enlace á Cosmopolitan no que se mofan da peculiar guía de agasallos da actriz.
A aldea coa que recomenda agasallar a protagonista de Shakespeare in love conta cunha casa de 360 m2 útiles "para entrar a vivir con moi poucas reformas", con auga, luz e rede de sumidoiros todo conectado e "con todos os seus muros e madeiras en bo estado", ademais dun alpendre-palleira de 80 m2 en dúas plantas, un edificio de 22 m2 con forno para facer pan, outra casa "con todos o muros e madeiras en bo estado de 124 m2 en dúas plantas", un hórreo de 3 metros cadrados e unha terceira casa para restaurar de 160 m2, entre outros servizos, como unha adega "que se pode utilizar para xerar enerxía eléctrica pois ten a canle de traída de auga".