Haberá indulto para os sindicalistas Carlos e Serafín "nas próximas datas"

Así o manifestou, en declaracións aos medios tras participar nun almorzo informativo, o líder dos socialistas galegos

Manifestación en Vigo para pedir o indulto de Carlos Rivas e Serafín Rodríguez. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Manifestación en Vigo para pedir o indulto de Carlos Rivas e Serafín Rodríguez. SALVADOR SAS (EFE)

O secretario xeral do PSDEG-PSOE, Gonzalo Caballero, trasladou este xoves o seu convencemento de que, "en próximas datas", o Goberno de España pronunciarase de forma favorable á petición de indulto para os sindicalistas Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, de acordo coa solicitude unánime do Parlamento de Galicia. 

Así o manifestou, en declaracións aos medios tras participar nun almorzo informativo, o líder dos socialistas galegos, quen recordou que o Parlamento de Galicia apoiou de forma unánime a petición do indulto parcial para evitar que estes dous sindicalistas, que foron condenados en 2009 a tres anos de cárcere por un delito contra os dereitos dos traballadores (participaron nun piquete durante unha folga), ingresasen en prisión. 

Gonzalo Caballero, que recalcou que o Executivo de Pedro Sánchez "ten un compromiso coas causas sociais moi importante", proclamou que está "convencido" de que o caso de Carlos Rivas e Serafín Rodríguez "está na axenda de compromisos do PSOE e do Goberno". 

"Estou convencido de que nas próximas datas haberá unha posición do Goberno de España acorde ao que solicitou o Parlamento galego", sinalou, e insistiu en que o Executivo do PSOE "goberna para a maioría e permite avances nos dereitos e nas liberdades, a diferenza do que pasaba co PP". 

Aínda que o Ministerio de Xustiza non confirmou nada respecto diso, outras fontes consultadas por Europa Press ratificaron que haberá indulto "proximamente" e que non se descarta" que a cuestión sexa tratada no Consello de Ministros deste venres. 
 

Comentarios