Feridas dúas persoas tras chocar os vehículos que conducían en Barbadás
Dúas persoas resultaron feridas, unha delas grave, nun accidente de tráfico rexistrado na coñecida como curva de Bentraces, no concello ourensán de Barbadás.
Segundo informaron desde o Centro de Atención a Urxencias 112-Galicia, o suceso ocorreu sobre as 10.30 horas deste mércores no quilómetro 6,9 da estrada OU-540, onde chocaron frontalmente dous vehículos.
Ata o lugar do suceso desprazouse unha dotación de efectivos de Protección Civil de Barbadás, que tiveron que liberar a un dos condutores, que quedara atrapado no vehículo. Así mesmo, foron mobilizados os Bombeiros de San Cibrao das Viñas, que colaboraron na excarceración, o GES de Pereiro de Aguiar, e a Garda Civil de Tráfico.
Urxencias Médicas 061 asistiu aos condutores dos dous coches, un home de 42 anos, que resultou ferido leve, e unha muller de 63, ferida grave. Esta última foi trasladada en ambulancia a un centro hospitalario.