Un home de avanzada idade resulta ferido en Soutomaior ao caer co seu coche ao río

O turismo precipitouse por un desnivel duns cinco metros de altura, logo de chocar contra unha barreira

Un home de avanzada idade tivo que ser atendido polos efectivos do 061-Urxencias Sanitarias despois de que o coche no que viaxaba caese ao río Oitavén, no termo municipal de Soutomaior. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o turismo precipitouse por un desnivel duns cinco metros de altura, tras derrapar e impactar contra unha barreira.

O accidente ocorreu na ponte do río Oitavén, ao fío das 13.50 horas deste mércores. Nese momento, un particular contactaba co 112 Galicia para informar o sinistro. Indicaba no seu relato que a auga non cubría ao coche por completo e que o home se atopaba fóra do turismo accidentado e do río.

Enseguida, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Urxencias (Ciae) 112 Galicia pasaba o aviso ao servizo sanitario, á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros do Morrazo e de Pontevedra.