miércoles. 23.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 23.09.2020
El tiempo

Un matrimonio moi coñecido na zona

O matrimonio falecido na Pastoriza, na celebración das súas vodas de ouro. AEP
O matrimonio falecido na Pastoriza, na celebración das súas vodas de ouro. AEP
Casaron hai máis de 50 anos e tiveron unha explotación de gando ►O agresor, de 82 anos, estaba mal de saúde e tiña problemas de mobilidade

Manuela Iglesia Fernández naceu na parroquia pastoricense de Baltar, onde viven aínda algúns familiares. Hortensio Ónega Murado, en Crecente (Lugo), na mesma casa que compartiron durante os máis de 50 anos que estiveron casados —celebraron ao grande as súas vodas de ouro en 2012—. 

Era unha familia moi coñecida na zona. Tiveron durante anos unha SAT, con ao redor de medio centenar de cabezas de gando, e todos defínenos como moi traballadores. A el tamén, pero sobre todo a ela. Como moitas mulleres e matriarcas do rural encargouse da casa, a granxa e a familia. 

Tiveron unha filla, que vivía con eles, e tres netos: unha moza que ten un negocio en Meira e dous mozos, que son gardas de seguridade en Madrid. 

Deixaron a SAT hai ao redor de tres anos e xubiláronse. Pecharon o que foi o sustento familiar porque non había substitución para a granxa. 

Din que eran sociables e, sobre todo, hospitalarios, desa xente que sempre está disposta a pór un café sobre a mesa. A el gustáballe pasear, aínda que foi perdendo forzas e saúde, a pesar de ser un home robusto. Tiña limitacións para camiñar e tamén de visión, logo de ser operado hai algúns anos. Os veciños víano menos nos últimos meses. 

Na década dos anos 90 foi concelleiro polo Partido Popular. E din os que coincidiron con el naquela corporación que era "moi sociable, falador e bo veciño", como destaca Diógenes Iglesia, do PSOE. Tamén teñen boas palabras compañeiros do seu propio partido, como José Bouso: "Fomos compañeiros e teño moita relación coa familia. Era un matrimonio exemplar". 

Ela, máis áxil e delgada, mantíñase en bo estado de saúde e era moi querida. "Era especial, encantadora, recibíate con moito agarimo, eran acolledores e non temos palabras para describir o que pasou", comentaba unha veciña, aínda conmocionada. 

Os que os coñecían, polo menos de portas para fóra, aseguran que ela coidaba del "como o neno dos seus ollos". "Non lle faltaba de nada". E el correspondíalle. 

"Eran unha parella unida", repiten algúns, que falan de que se lles podía ver xuntos, polo menos antes, nas actividades municipais ou en viaxes do Imserso e aos balnearios. "A cabeza é complicada pero eles eran moi boa xente", dicía un veciño, mentres outro os definía como "marabillosos".

O homicida estaba mal de saúde e tiña problemas de mobilidade
Son poucos os veciños que queren falar sobre un suceso que conmocionou a toda a localidade. O silencio é maioritariamente a resposta, e o desconcerto. "Isto foi unha sorpresa total", repetían as poucas voces que se animaban a dar a súa opinión e moitas sinalaban a que un posible e incipiente enfermidade dexenerativa puidese ser unha das causas do tráxico crime.

O agresor, de 82 anos, tiña moitos problemas de mobilidade, polo que sorprende que tivese a axilidade de subir ao terceiro piso para arroxarse pola fiestra logo de matar á súa muller, e estaba pendente, segundo algunhas persoas que coñecían á familia, dos resultados dunhas probas acerca dunha posible demencia. Pero non estaba diagnosticado.

Un matrimonio moi coñecido na zona