A Audiencia de Pontevedra condenou a 36 anos de cárcere ao hostaleiro vigués Carlos V.I., coñecido como Papuchi, por abusar sexualmente de 16 menores de idade.
Ademais das penas de cárcere, o tribunal impuxo a este empresario sendas ordes de afastamento de 500 metros respecto das vítimas, algunhas delas de menos de 16 anos, e indemnizalas en contías que oscilan entre os 500 e os 2.000 euros.
En cambio, Carlos V.I. foi absolto dos dous delitos de exhibición de material pornográfico ante menores de idade polos que tamén estaba acusado.
A Fiscalía pedía unha pena de 54 anos e 3 meses de cárcere no xuízo celebrado a porta pechada o pasado febreiro na sección quinta da Audiencia de Pontevedra por aproveitarse do seu contacto con menores que lle permitía o seu traballo para obter deles "unha confianza que lles levase a executar actos de natureza sexual". Unha vez gañada esa confianza levábaos de paseo no seu iate Ypanema ou en coches deportivos.
Carlos V.I. estivo en prisión provisional desde abril de 2017, medida que tras ser ratificada en dúas ocasións, unha delas pola Audiencia de Pontevedra, finalmente puido eludir tras o pago dunha fianza.
Aínda que Papuchi animaba aos mozos a aceptar as súas invitacións co pretexto de que "ligarían máis", as amigas das vítimas miraban con receo a Papuchi. "Dábanos noxo", dixeron á Policía.