sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

A hostalería da Coruña anuncia mobilizacións pola prolongación das restricións e pide axudas ao Goberno

Protesta silenciosa convocada o pasado venres polos hostaleiros da Coruña ante as medidas relativas ao lecer nocturno anunciadas polo Ministerio de Sanidade. KIKO DELGADO/EFE
Protesta silenciosa convocada o pasado venres polos hostaleiros da Coruña ante as medidas relativas ao lecer nocturno anunciadas polo Ministerio de Sanidade. KIKO DELGADO/EFE
Os empresarios denuncian que a facturación está a caer na comarca "de forma dramática" e que moitos locais están a pechar "motu propio"

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña anuncia protestas se as restricións de aforo e horario, así como o peche do lecer nocturno, continúan durante máis tempo, tras o anuncio da Xunta de mantelas na comarca. "Se seguimos nesta liña, o sector empezará con mobilizacións", explica o presidente da entidade, Héctor Cañete

As 50 organizacións territoriais que forman parte de Hostalería de España acordaron esta semana presentar recursos xudiciais en todas as comunidades pola transposición das directrices do Goberno central e convocar protestas. A Coruña está de acordo en ambas as medidas. "É moi difícil aguantar esta situación durante moito tempo", apunta Cañete. 

A facturación nos locais da comarca da Coruña desde que comezaron as restricións caeu, di o representante dos hostaleiros, "de forma dramática" e é por iso que, engade, "cada vez máis compañeiros están a empezar a pechar motu propio porque non é rendible". Ademais das medidas, lamenta, moitos coruñeses fan "autoconfinamiento". 

O presidente dos hostaleiros coruñeses considera que é necesario activar de xeito urxente axudas para o sector e critica que non se decidisen as restricións cunha análise previa da situación. "Cando vaian axudar estaremos todos arruinados. Necesitamos comer hoxe e pagar aos empregados hoxe", reprocha.

RECURSOS XUDICIAIS. A asociación de empresarios coruñeses xa está a preparar o recurso xudicial que presentarán as entidades de toda España de xeito coordinado. "É o camiño adecuado, que nós xa iniciamos a semana pasada", recorda Cañete, aínda que explica que, neste novo movemento, recorrerase a medida para toda Galicia e non só para A Coruña. 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou a semana pasada levantar as restricións na área coruñesa como "medida cautelarísima", pero en próximos días, subliña o representante dos hostaleiros, os maxistrados terán que decidir sobre esta mesma cuestión como "medidas cautelares". 

"Estase criminalizando ao sector", denuncia Cañete, que pide que as administracións teñan unha "interlocución válida" coas asociacións de hostalería antes de tomar decisións e que ofrezan axudas. "Quedamos nunha situación de indefensión; estas restricións terían que vir acompañadas dun paquete de medidas", apostila. 

A hostalería da Coruña anuncia mobilizacións pola prolongación das...
comentarios